A alerta constante de dúas cadeliñas nas aulas fronte á diabetes de súas donas

O agudo olfacto dos animais advirte dos niveis de azucre das súas donas.

A volta ao cole no Lycée Français Molière situado na localidade madrileña de Villanueva de la Cañada non foi como nos demais colexios. Entre as decenas de alumnos que esperan no patio para entrar nas aulas destacan dúas cadeliñas, Lupa e Moka, que, desde o comezo do ano escolar, non perden nin unha lección de matemáticas, lingua ou mesmo teatro. Permanecen tombadas aos pés das súas donas, en silencio. Pero ao contrario que os nenos, o seu non é aprender, senón traballar.

As dúas femias da raza Jack Russell de dous e tres anos de idade vixían e alertan a Ana e Eva Arróniz, de 11 e 13 anos respectivamente, que sofren desde os cinco anos diabetes tipo 1, de calquera alteración nos seus niveis de glicosa, e fano mesmo antes de que os habituais sensores a poidan detectar.

Tras unha adaptación progresiva de varios meses á vida escolar, as cadelas entran con correa e arnés ás aulas dos cursos de 5ème e 3ème (equivalente aos cursos de Primeiro e Terceiro da ESO no sistema español) e a súa presenza xa non sorprende aos demais alumnos. Convertéronse nun estudante máis, aínda que a elas consénteselles non prestarlle atención ao profesor, senón ás súas donas.

“O interesante con Lupa e Moka”, que recibiron un exhaustivo adestramento, “é que anticipan calquera cambio importante nos niveis de azucre das nenas”, explica a Sinc Delphine Delaittre, nai das adolescentes, para quen esta axuda é vital, sobre todo polas noites.

Para esta familia, unha das primeiras en contar con este exclusivo e non sempre económico servizo, a vixilancia as 24 horas do día das cadelas de asistencia era un dos principais obxectivos. “Os nosos pais espertan moitas veces pola noite a medir os nosos niveis porque podemos quedar en coma”, conta Eva, a maior das irmás, que confesa que as cadeliñas aínda están a se esforzar para mantérense alertas mentres elas dormen.

Os cans, cunha gran sensibilidade olfactiva, entre 40 e 60 veces maior que a humana, identifican unha sustancia química, chamada isopreno, que desprenden as persoas diabéticas a través da respiración, segundo revelou recentemente un estudo da Universidade de Cambridge en na revista Diabetes Care. “É un cheiro que mesmo lles chega a molestar”, explica a Sinc Ana, a benxamina, que pode afastarse da súa amiga canina en clase de deporte porque Lupa pode ulilo desde moi lonxe.

A enfermeira canina perfecta

Cando as cadelas detectan algunha anomalía no organismo das súas donas recorren á marcaxe muda mirándoas aos ollos, levantando a cabeza, dándolles toques nas pernas co fuciño, ou directamente ladran. “Danlles ás nenas uns 20 ou 30 minutos de marxe”, asegura a Sinc Francisco Martín, director do centro de adestramento Canem en Zaragoza. Segundo o adestrador, o aviso das cadelas evita que os niveis sigan baixando ou subindo. En definitiva, “mellora a súa calidade de vida”.

Unha vez que reciben a mensaxe, Ana e Eva miden os seus niveis de glicosa cun sensor que non require picada no dedo, pero si un investimento económico (60 euros para 14 días), e recompensan as súas mascotas cunha galleta.

“Se o sensor indica que os niveis están moi baixos, tomo azucre en compotas, zumes, galletas ou hidratos de carbono, e se son altos, pícome insulina”, detalla Ana. Pero a moza xa empeza a ter un control sobre ela mesma. Cando sente que está especialmente cansa ou cando todo lle molesta sabe que os seus niveis están a alterarse.

“Non é habitual contar coa asistencia dun can, pero supón unha axuda máis para evitar unha das complicacións agudas da diabetes: a hipoglucemia e a hiperglucemia”, indica a Sinc Julio Guerrero-Fernández, médico das mozas no departamento de Endocrinoloxía Pediátrica no Hospital Infantil La Paz (Madrid).

Segundo o especialista, o control da glucemia en nenos menores divídese en tres claves fundamentais: a administración subcutánea de insulina antes das comidas principais, un control rigoroso dos hidratos de carbono na alimentación e o deporte. “Sen esquecer o frecuente autocontrol mediante a medición de azucre en sangue varias veces ao día e os axustes na terapia con insulina”, asegura.

No caso de Ana e Eva, parte do control realízano as súas atípicas enfermeiras e elas senten que están máis seguras. “Axudámonos a unha á outra. Ela cóidame a min e eu cóidoa a ela”, conta Ana, mentres acariña a Lupa á que lle fala en francés. “Pero non teño que confiarme do todo porque é un ser vivo e pódese equivocar. Estamos a traballar para que estea atenta sempre, o problema é que se distrae moito, é coma min”, confesa. Con todo, ata o de agora, Lupa non se equivocou.

A Eva, a maior das irmás, non lle gusta levar a Moka ao colexio para non ser o centro de atención. “Cando non teño a Moka teño á miña amiga Andrea que se dá conta dos meus cambios de humor”, admite a moza, corroborada pola súa compañeira de clase. Pero se o fai é para evitar estar tan pendente. E Moka, discreta e tímida como a súa dona, reacciona ante calquera variación, tal e como foi adestrada desde o seu nacemento.

Un adestramento continuo

Moka chegou á casa dos Arróniz Delaittre aos tres meses, mentres que Lupa fíxoo aos sete, e traballarán xunto ás súas donas ata que cumpran os 14 anos, aproximadamente. “Entréganse cans para que traballen toda a vida”, sinala Martín, que fai o seguimento de forma constante “mesmo a través de videoconferencia” con todas as familias que adoptan estes cans de alerta médica.

A alta esperanza de vida desta raza converteuna na candidata idónea para este tipo de asistencia con menores: son moi duros, lonxevos (poden vivir ata os 17 anos), e achegan garantías veterinarias, ademais de ser de pequeno tamaño para un mellor manexo por parte dos nenos. Ademais, selecciónase e esterilízase a exemplares femia de Jack Russell por ser máis dóciles.

“Nunha primeira fase adéstraselles para que identifiquen o cheiro. Na segunda trabállase na casa cos nenos”, informa o experto. É esta segunda fase a máis complicada, segundo Martín, sobre todo para lograr a vixilancia nocturna. “As cadelas deberían quedar nunha especie de sono feble e permanecer pendentes durante o sono das nenas”, sinala. Pero Moka e Lupa aínda non o conseguen do todo.

Mentres iso ocorra, as cadelas seguen traballando en calquera circunstancia para que as súas donas teñan unha vida o máis normal posible. “Tivemos a sorte de que Ana e Eva poidan levar ás súas cadeliñas ao colexio, pero non sempre é así, polo menos en España. Outra familia no noso mesmo caso non puido levar á cadela á escola da súa filla en Alcobendas”, subliña Delphine Delaittre.

Aínda que por agora non tiveron problemas para entrar en establecementos públicos coas súas mascotas, Moka e Lupa sempre deben ir co arnés que as identifica como cans de asistencia. “Aínda así ao supermercado non as adoitamos levar, pero en Francia entran case sen arnés mesmo nos restaurantes. Aquí é diferente”, di a nai das adolescentes.

Diabetes tipo 1 a unha idade cada vez máis temperá

A Ana diagnosticóuselle diabetes tipo 1 aos catro anos e medio, e a Eva aos cinco. Malia a súa mocidade, “a idade escolar e a adolescencia son as idades máis frecuentes”, indica a Sinc Julio Guerrero-Fernández, médico das nenas no Hospital La Paz de Madrid. Pero “a incidencia está a aumentar de maneira considerable en nenos menores de cinco anos nos países industrializados”, advirte.

Aínda que os expertos descoñecen con exactitude as causas da aparición desta enfermidade, “si xorde en suxeitos predispostos xeneticamente”, di Guerrero-Fernández, como é o caso de Ana e Eva. Ademais, “relacionouse con determinados factores desencadenantes como infeccións de enterovirus, alimentación precoz con derivados de proteínas de leite de vaca, etc.”, engade o médico.

O control continuo evita non só a hipo e hiperglucemia, senón tamén o risco de alteración da visión (retinopatía diabética), da función do ril (nefropatía diabética), da condución nerviosa (neuropatía diabética) e de complicacións vasculares (infartos).

Pero malia os riscos, déronse grandes pasos cara ao tratamento da diabetes. O experto destaca a mellora na elaboración de novas insulinas para un mellor control do azucre e unha redución das complicacións agudas, como as hipoglucemias. Tamén houbo avances nas bombas de insulina que nun futuro próximo poderán emular ao páncreas. “Pero aínda quedan anos para que supoña unha mellora importante na calidade de vida destes nenos”, recoñece a Sinc Guerrero-Fernández.

Fonte: SINC / Adeline Marcos vía Botóns – Portal Educativo